CONTRA A REFORMA DA LEI DO ABORTO

A agrupación de E.U. de O Porriño rexeita abertamente o anteproxecto de lei sobre o aborto que convirte a España nun dos países máis restrictivos e conservadores de Europa. O señor Gallardón, non sen certa vanidade, debeu querer poñer a puntilla ó ano 2013, regalándonos para Nadal dita lei. Quizáis a coincidencia de datas sexa un aceno á Igrexa católica, que con tanto entusiasmo coma barbarie vén enarborando o dereito á vida en contra do dereito ó aborto. A nova lei, de saír adiante o anteproxecto, non só restrinxirá os supostos nos que o aborto estará permitido, senón que poñerá tantas trabas á súa práctica que abortar en España será algo tan inalcanzable como o foi a mediados do século pasado. As españolas do século XXI, como as de entón, terán que recorrer a Londres ou poñerse en mans pouco fiables, se deciden interromper o seu embarazo voluntariamente, aínda que esa voluntariedade sexa, ademais, unha necesidade e o resultado dunha difícil decisión. Iso si, neste caso, o farán sen estar obrigadas a pasar por ese tortuoso período de 10 días, que o anteproxecto de lei establece como período de reflexión despois de ser asesoradas por uns “especialistas na patoloxía que xenere esa decisión”, e ós que prefirimos non imaxinar. Para máis inri, a futura lei será bautizada co rimbombante e inexplicable nome de Lei de Protección dos Dereitos do Concebido e da Muller Embarazada. Todo un retroceso.

Se o que se pretende é reducir o número de abortos voluntarios, o Goberno debería saber a estas alturas que unha maior represión non implica tal resultado, do mesmo xeito que unha lei de prazos como a que rexe en España actualmente non supón un aumento do número de interrupcións voluntarias do embarazo. De feito, mesmo diminúen.
Hai quen sopesa a posibilidade de co Goberno busque coa súa reforma contentar ás súas bases electorais máis radicais, representadas na xerarquía católica máis retrógrada e neses minoritarios grupos provida que aínda esixen unha reforma máis radical para impoñer a súa moralidade, pero en España gaña as eleccións o partido que conquista o centro, non o que extrema as súas posicións. Esta reforma, ademais, non veu precedida por unha alarma ou unha demanda social que animase os gobernantes a acometela.
Definitivamente, esta contrarreforma de regreso ó pasado só pode entenderse dende a ideoloxía, dende o convencemento de que é necesario reprimir (aínda que sexa a medias) para lavar conciencias propias e de que acernar os dereitos das mulleres en algo tan exclusivo como a maternidade é un asunto menor para quen a promoveu. Sobre todo, se as prexudicadas son aquelas que non teñen demasiadas opcións nin para afrontar os gastos enerxéticos do seu fogar nin moito menos para viaxar a Londres para “solucionar o problema” como sempre fixeron as familias que podían permitirllo.

Dende o momento en que entre en vigor, este país -incapaz de ofrecer un futuro á maioría dos seus mozos e de manter o nivel medio de protección social adquirido- asume un novo e importante reto: derrogar canto antes unha lei hipócrita que aumenta a desigualdade e se asaña coas mulleres.
O retorno da dereita ao poder, e súa forma ideolóxica, é dicir, de regresión no sistema de dereitos e liberdades, vímolo na resposta á crise económica, onde coa coartada da austeridade e das esixencias europeas, se precarizou enormemente a condición d@s traballador@s asalariad@s. Esta lei quita ás mulleres un dereito adquirido e as coloca baixo un humillante sistema de tutela fronte a unha idea positiva do poder, fundada na ampliación de oportunidades, no recoñecemento dos cidadáns e na tolerancia.

As palabras de Ruiz-Gallardón dicindo que por primeira vez a muller non é culpable do aborto é unha ofensa inadmisible. O que fai a lei é converter a muller nunha menor de idade, limitando enormemente os supostos en que poderá tomar unha decisión que só a ela lle concirne.
¿Isto é respectar a muller? É máis ben seguir alimentando as fantasiosas ideas de certas crenzas relixiosas que a ven como débil, escasamente fiable e portadora de pecado.

Por isto e moito máis defendemos o dereito da MULLER a elexir e a determinar a súa propia decisión.
¡NON MÁIS TOLERANCIA ANTE ESCANDALOSA E INXUSTA RESTRICCIÓN HACIA A MULLER!

A %d blogueros les gusta esto: